André Adrio

Vinculado ao baile tradicional galego desde moi neno e con formación noutros estilos de danza como a danza contemporánea, clásica e flamenco, así como en diferentes maneiras de comunicación a través do movemento, formando parte de múltiples obradorios de danza e teatro impartidos por profesionais recoñecidos en cada sector. A actividade física sempre estivo presente na súa vida, de aí a súa licenciatura en Ciencias da actividade física e do deporte en 2012 pola Universidade de Vigo.

Como bailarín acadou varios premios, destacando o premio especial Vigo Porté (con flamenkeando) e o premio Vai de Baile organizado polo programa Luar da TVG. Desde 2013 enfoca a súa carreira profesional á docencia, impartindo principalmente danza tradicional en numerosas asociacións de Vigo e comarca.

Actualmente segue a descubrir novas formas de expresión corporal, e o seu máximo interese está na indagación de novas fórmulas para a transmisión dun legado fundamental en Galicia. Nas súas propias palabras “O meu traballo céntrase en facer que o baile tradicional galego sexa fácil e atractivo para todo o mundo”.