EntreSoños

Ese Soño que me invade cada noite facéndome crer algo que non son, pero que podería chegar a ser… e á vez o medo e a incertidume que me dominan e fanme voltar a ese estado de consciencia que me dí que non é máis ca un Soño e que non deixará de ser nunca máis ca iso…

Dentro do meu soño teño ledicia, total liberdade de expresión e movemento. Non importa con quen, para quen, de que xeito e onde. Só importa a música e o movimento que o meu corpo xera ao
sentila.

Fran Sieira Entre Soños

É o meu Soño, só mando eu. Dentro del non hai medos nin complexos. No Soño podo facer voar a miña imaxinación a límites insospeitados, limites inalcanzables para min ao despertar cada mañá desa cama. No meu Soño podo bailar como eu sei, espremendo o máis pequeno anaco de creatividade sen medos nin prexuízos porque é o meu Soño. A miña obra que cada noite me invade, apoderándose da miña inconsciencia e facéndome vivir o que fora desa cama non me atrevo a amosar.

Entre Soños é unha obra de baile e música tradicional galega de 65 min de duración, cun elenco artístico de 3 bailadores: Fran Sieira, Aida Tarrío e Xisco Feijoó (tanto Aida como Xisco compaxinaran a súa laboura de bailaríns coa de cantantes de música tradicional nesta obra), ao son da música do compositor e músico multidisciplinar Anxo Pintos, todo isto dentro dun marco escénico deseñado por Luis Perdiguero (escenografía e iluminación) e desde unha visión contemporánea a través dos ollos do director artístico David Vilariño (bailarín contemporáneo e coreógrafo da Vilarinyo Dance Company).

Fran Sieira Entre Soños 3

Deste xeito poderemos ver en escena a figura dunha persoa deitada nunha cama para descansar, como se dunha noite calquera se tratase Pero lonxe de conseguilo é invadido por milleiros de pensamentos, soños e inquietudes. Dentro dos seus soños cobra vida esa valentía por conseguir todo o que se propoña, pero tamén ás súas debilidades, medos e frustracións. Unha loita por alcadar ou dar vida a eses soños que nunca puido ou que nunca se atreveu a levar a cabo, á vez que os medos e inseguridades o invaden dicíndolle que non son máis que soños que desaparecerán cando desperte desa cama…

Esta personaxe deixarase levar por ese trasgo malo que lle di que se lance ao abismo, que sexa valente e que faga o que o corazón lle pida, pero que a súa consciencia lle impide, e ao mesmo tempo loitará e/ou deixarase guiar por esa voz da temperanza, da tranquilidade, esa voz que lle fai ser consciente de que non son máis que soños e non poderán ser máis ca iso. Escenificando deste xeito encrucilladas nas que cada un de nós nos vimos envoltos nalgún momento das nosas vidas. Esas gañas por perseguir os nosos soños e inquietudes e eses medos que nos paralizan e non nos deixan avanzar…