
Músico multinstrumentista e compositor. Comezou os seus estudos musicais aos 8 anos, dacabalo do Conservatorio Superior de Música de Vigo, do seu pai Suso Pereira e do Obradorio de instrumentos Musicais Populares Galegos que dirixía Antón Corral, chegando a incluir na nómina dos instrumentos que toca a gaita, zanfona, violín, saxo soprano e frauta de bico. Cofundador do grupo de gaitas “Alfolíes”, do Grupo Didáctico de Instrumentos Musicais Populares Galegos, da Banda de Gaitas “Xarabal”, do grupo “Matto Congrio”, co que gravou o seu único traballo en 1991. Fundador de “Berrogüetto” en 1995 con quen gravou 5 discos: “Navicularia”(1996), “Viaxe por Urticaria” (1998), “HEPTA” (2001), “10.0” (2006) e “Kosmogonías”(2010). Fundou o trío “Lizgairo” xunto a Rodrigo Romaní e Xosé Liz, gravando “Diacronías” en 2009.
Recibiu numerosos premios, o último o Grammy 2017 na categoría de world music ao disco Sing Me Home de Yo-Yo Ma e a Silk Road Ensemble no que Pintos participa como arranxista-compositor do tema “Cabaliño”. Entre os demais, destacan o premio da crítica de Alemaña ao mellor álbum folk 1996 e 2001. Premio ao mellor grupo folk europeo (1997). Unha nominación aos Grammy Latinos (2002). Premio Opinión ao mellor disco galego do ano con Berrogüetto (2002), Lizgairo (2009) e SondeSeu (2011). Premio da Academia á mellor canción en galego no ano 2011 con Berrogüetto. Premio da Música “Martín Códax” a mellor grupo folk 2013. Premio da Crítica de Galicia de música 2014. Premio Mestre Mateo 2014 á mellor banda sonora. Premio Andaina Senlleira de “La Opinión” 2015.
Compositor de numerosas pezas instrumentais, algunhas delas forman parte do repertorio de bandas tanto nacionais coma internacionais. Ten colaborado con músicos e grupos entre os que cabe citar a: Milladoiro, The Chieftains, Los Piratas, Rodrigo Romaní, Susana Seivane, Mercedes Peón, Uxía, Chouteira, Pilocha, Antón Seoane, Guadi Galego,Alfolíes, Sandeep Das, Wu Tong ou Yo-Yo Ma
and The Silk Road Ensemble. Productor artístico de Riobó e Rústica (Cristina Pato, Davide Salvado, Roberto Comesaña e Anxo Pintos).
Foi precursor á hora de elaborar e sistematizar unha técnica que permitira abranguer a aprendizaxe e interpretación na zanfona do repertorio tradicional galego. Froito deste traballo, é posible apreciar hoxendía a influencia da súa laboura á hora de entender este instrumento en Galicia. Foi mestre de zanfona durante once anos no Departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios Municipal de Vigo. Na actualidade é patrono da Fundación SondeSeu, e compatibiliza o seu labor de mestre de zanfona da ETRAD (Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo), co de coordinador da sección de zanfonas da Orquestra Folk de Galicia “SondeSeu”.