Ese Soño que me invade cada noite facéndome crer algo que non son, pero que podería chegar a ser, e á vez o medo e a incerteza que me dominan e que me fan volver a ese estado de consciencia que me di que non é máis ca un Soño e que nunca deixará de selo.
Dentro do meu Soño teño ledicia, total liberdade de expresión e movemento. Non importa con quen, para quen, de que xeito nin onde. Só importa a música e o movemento que o meu corpo xera ao sentila.
É o meu Soño, só mando eu. Dentro del non hai medos nin complexos. No Soño podo facer voar a miña imaxinación a límites insospeitados, inalcanzables para min ao espertar cada mañá. No meu Soño podo bailar como eu sei, espremendo o máis pequeno anaco de creatividade, sen medos nin prexuízos, porque é o meu Soño. A obra que cada noite me invade apoderándose da miña inconsciencia e facéndome vivir o que fóra desa cama non me atrevo a amosar.
“EntreSoños” é unha obra de baile e música tradicional galega de 60 minutos de duración, un traballo case autobiográfico do bailador Fran Sieira onde plasmou gran parte da súa esencia. Rodéase dun elenco artístico incomparable no seu eido: Aida Tarrío e Xisco Feijoó, á voz e ao baile. As escenas desenvólvense ao son da música do compositor e músico multidisciplinar Anxo Pintos. Toda a obra atópase dentro dun marco escénico ideado por Vanesa Hernández (escenografía) e Luis Perdiguero (iluminación), cun vestiario deseñado por Alessio Meloni e coa visión contemporánea do director artístico David Vilarinyo (Vilarinyo Dance Company).
“EntreSoños” estreouse o 28 de abril do 2018 e segue en escena tres anos despois. Desta maneira suma 22 funcións por todo Galicia, sendo no ano 2019 o espectáculo de danza máis programado a través da RGTA e que, ademais, representou a nosa cultura en Toledo no Festival de danza “Escena Patrimonio 2019”.