Que é DeMente?

 “DeMente”, é unha obra de baile e música tradicional galega para público adulto de 60 minutos de duración. Conta cun elenco artístico de oito bailadoras e bailadores, ao son da música do compositor e músico multidisciplinar Cristian Silva Bóveda. Todo isto desenvólvese dentro dun marco escénico e cun vestiario diseñado por Carlos Alonso Alonso xunto  co deseño de iluminación de Fidel Vázquez Díaz. A parte máis física e a estética contemporánea preséntase a través dos ollos da bailarina e coreógrafa catalá Carla Diego Luque como directora artística.

Unhas liñas de “DeMente”:

En “DeMente” plasmaremos unha realidade,  un estigma,  unhas patoloxías que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) sufriron, sofren ou sufrirán nalgún momento da súa vida unha de cada catro persoas.   A reclusión prácticamente carceraria das persoas “dementes” en tempos pasados, os amoreamentos de persoas enfermas, as contencións mecánicas totais e parciais, así como as contencións químicas (antipsicóticos e outros medicamentos), os suicidios (“O tolo cando entraba no manicomio só lle quedaba esperar a morte.”), a explotación da enferma, “os almacéns de carne humana”…

Deste xeito, amosaremos en escena a evolución dos tratamentos en persoas que padecen trastornos mentais, dende os amoreamentos practicamente carcerarios ata a externalización dos nosos días.  Por que as doenzas mentais nos dan certo medo? Por que coloquialmente utilizamos expresións como “estás para encerrar”, “estás para atar”, “estás tolo”? Pensamos que unha solución para o “tolo” ou a “tola” ten que ser o encerro ou sufrir algún tipo de contención mecánica ou química?

É necesaria a integración na sociedade e a normalización como outro tipo de doenza, loitar contra o estigma. Estas e moitas outras cuestións serán tratadas en escena. Como se dicía nunha carta dunha persoa “demente” ao director do Manicomio de Conxo nos anos 40: “no son los pobres locos reconocidos los que hacen daño al planeta, sino los grandes locos por reconocer”.

       Exemplificaremos algunhas destas doenzas e tamén o trauma que supoñen: “Nunca tratei cun paciente con esquizofrenia cunha vida que, tal e como a experimentou o paciente, non me volvera tolo a min ou a calquera.” (Bertram P. Karon).

Espectáculo subvencionado a través das axudas á creación escénica.