Benquerer, querer ben ou quererse ben son algúns dos termos nos que afonda o novo espectáculo do bailador Fran Sieira, un só de danza acompañado en directo polo dúo galego Caamaño&Ameixeiras.
BenQuerer é unha peza íntima e emocional que conecta co cotiá, co día a día, e cos nosos procesos de adaptación ante os cambios. Reflexiona sobre como en ocasións asumimos máis do que, quizais, nos pertence. Non fala da felicidade permanente, nin de estar sempre ben: fala de aceptar os momentos nos que o corpo di basta, de coidarse e de aprender a poñer límites.
Nun mundo de constante cambio, nun sistema que premia producir, avanzar, continuar, … podemos permitirnos parar? Podemos mostrarnos vulnerables, sen medo ao xuízo ou a ser vistas como fráxiles?
Desde as marxes e sempre con perspectiva de xénero esta nova proposta de Fran Sieira ofrece o resultado do proceso creativo máis persoal da súa carreira artística, onde a través do seu propio relato convida a reflexionar sobre a importancia do autocoidado emocional, o amor propio e o respecto a unha mesma.
BenQuerer somos…
Intérpretes: Antía Ameixeiras, Sabela Caamaño e Fran Sieira | Dirección artística: Fran Sieira e VACAburra (Gena Baamonde e Andrea Quintana) | Coreografía: Fran Sieira e Andrea Quintana | Música: Caamaño&Ameixeiras | Iluminación: Fidel Vázquez | Vestiario: Érica Oubiña | Espazo escénico: Fran Sieira | Espazo sonoro: Isaac Millán | Dinámica posfunción: Nancy Silva e Thais Núñez | Fotografía: Aigi Boga | Cartaz: NoveNoel | Folleto: Sol Álvarez | Distribución: Urdime.
A produción de BenQuerer contou coa colaboración das Residencias Atopémonos Bailando, do Concello de Santiago, do Concello de Ames e de Codisoil SA.
