DeMente

En “DeMente” falamos dunhas patoloxías que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) sufriron, sofren ou sufrirán unha de cada catro persoas ao longo da súa vida, a saúde mental.  Dende a reclusión prácticamente carcelaria noutros tempos pasados,  as contencións físicas e químicas, os suicidios, a explotación da enferma, “os almacéns de carne humana” ata a externalización dos nosos días.

A necesaria integración na sociedade e a normalización como outro tipo de doenza, xunto coa loita contra o estigma, son as principais cuestións que plasmaremos en escena.

“DeMente” quere ser un alento de esperanza, unha mensaxe de positividade ao enfermo e ás súas familias.

DeMente é unha obra de baile e música tradicional galega para público adulto de 60 minutos de duración, cun elenco artístico de 8 bailadoras e bailadores. Música do compositor e músico multidisciplinar Cristian Silva. Dentro dun marco escénico e vestiario ideado por Carlos Alonso xunto cun deseño de iluminación de Fidel Vázquez. A fisicalidade e a estética contemporánea preséntase a través dos ollos da bailarina e coreógrafa catalana Carla Diego como directora artística.

A produción de DeMente levouse a cabo a través da adxudicación das Axudas á Creación escénica 2021 da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello de Cangas do Morrazo e Codisoil S.A.

O 15 de marzo de 2022, a Fundación SGAE fixo pública a listaxe oficial de candidatas e candidatos aos XV Premios MAX das Artes Escénicas. De entre os 440 especáculos inscritos, foron escollios 179 como montaxes candidatas entre os que se atopa DeMente con 7 candidaturas, sendo a montaxe galega con maior presenza conseguida nesta listaxe. As candidaturas nas que DeMente foi seleccionada son as seguientes:

      • Mellor Espectáculo de Danza.
      • Mellor Labor de Produción.
      • Mellor Composición Musical para espectáculo escénico para Cristian Silva.
      • Mellor Deseño de Vestiario para Carlos Alonso.
      • Mellor Deseño de Iluminación para Fidel Vázquez.
      • Mellor Intérprete Feminina para Aida Tarrío.
      • Mellor Intérprete Masculino para Fran Sieira.

No mes de maio de 2022, DeMente foi seleccionado como un dos espectáculos que forman parte de Camino Escena Norte, un proxecto de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi.