Un Baile Ceibe é unha peza coreográfica, para espazos non convencionais de 25 minutos de duración para 4 intérpretes, codirixida polo propio Fran Sieira compartindo a dirección artística con Sergio R. Suárez, profesional da danza e cun master de xénero e temática LGBTIQ+. Música de MounQup (Camille Hedouin) con cancións de Carlos Quintá e coa colaboración de Úrsula Rial. Vestiario de Érica Oubiña e colaboración especial de Eferro.
Adaptación coreográfica do espectáculo Ceibe en diurno, sen iluminación e escenografía, onde plasmamos a esencia das coreografías grupais máis representativas da obra.
“…Ceibe afonda na relación entre o xénero e a nosa tradición e nas súas formas de operar nos diferentes ámbitos cotiás, incluíndo, por suposto, unha manifestación cultural tan importante como o baile tradicional galego. Trátase de entender que é o xénero para nós como individuos, como colectivo e tamén como sociedade.
Reflexiona sobre as categorías de xénero e os seus estereotipos, impostos socialmente para establecer distancia coa normatividade e arrastrala cara ás marxes e, desde aí, formular e construír novas formas de entender o corpo e o movemento.
Cuestiona as identidades de xénero normativas e hexemónicas para comprender e compartir que o xénero opera sobre todos os corpos; e así poder abordar o tema dende unha perspectiva feminista e en relación coas cuestións LGTBIQ+…”
Circuitos e Festivais
Un Baile Ceibe foi seleccionada para o Circuito Acieloabierto 2025, (proximamente informaremos dos Festivais nos que participaremos).
