Convocatoria aberta e gratuíta para as primeiras 20 persoas maiores de 16 anos relacionadas co baile tradicional galego que formalicen a súa inscrición (ata o 22 de agosto) no Formulario de inscrición.
Un obradoiro de creación e investigación de 4 horas de duración que se desenvolverá o 25 de agosto de 10 a 14 horas no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.
Ese mesmo día, na representación de Un Baile Ceibe que terá lugar ás 20 horas no Cemiterio de Bonaval incluiremos ás participantes do obradoiro dentro da estrutura coreográfica da peza xerando grupos de corpos danzando ceibes.
A metodoloxía e ferramentas da práctica estarán vinculadas aos conceptos que se abordaron no proceso de creación de Un Baile Ceibe. Experimentaremos desde o movemento normativo que xeran os nosos corpos e veremos canto dese movemento está condicionado polos estereotipos de xénero tradicionais. Recoñecerémolos e crearemos unha práctica do movemento tanto individual como colectiva intentando desligarse deses clixés e creando distancia coa normatividade a través dun movemento máis libre e amable co noso corpo. Ademais aprenderemos todo o material coreográfico necesario para que as persoas participantes poidan integrarse no elenco da última parte de Un Baile Ceibe.
